Como ben dixo Hélia Correia na súa entrevista no diario ‘Sermos Galiza’, os galegos estamos a ollar cara Portugal, e os portugueses, cara Europa.

Hai poucos días comecei a ver certas publicacións nas redes, sobre a próxima candidatura espanhola en Eurovisión; por qué non en galego?- dicían. E é verdade, cómpre exportar a música galega ao resto do planeta.

Se nós miramos a Portugal con admiración, debemos despois mirarnos a nós, e preguntarnos que é o que podemos facer para amosarlle ao mundo a nosa cultura. Cousa que Portugal logrou grazas ao Festival europeo. Galiza non é nova nel. Xa en 2003, Verónica Codesal, vocalista de Urban Trad e membro de Ialma, acadou o segundo posto con 165 puntos, cunha canción nunha lingua inventada. O que me proporciona unha conclusión: a uniformidade lingüística (cantar en inglés) non é un fenómeno tan arraigado na Europa do século XXI.

Somos poucos os chamados eurofans, que nos consideramos galeguistas e mesmo nacionalistas, porque a maioría dos galeguistas e nacionalistas rexeitan todo o que leve o nome de Espanha. Porén, Galiza sen independencia e Eurovisión non son incompatibles. Podemos defender a nosa identidade nacional aínda que nas pantallas se amose a bandeira vermella e amarela; iso non é máis que un paripé audiovisual.

Sigamos o exemplo de Kosovo, que aínda sendo independente, non pode participar no Festival. Recurren a unha nación veciña, que con fraternidade, sérvelles de fiestra para amosarse cara Europa e o mundo: Albania.

Quizais moitos e moitas artistas de Galicia non se sintan cómodos representando ao país no que non se sinten cómodxs: Espanha, mais cómpre, e repito, cómpre internacionalizar a nosa cultura, para que a xente doutros lugares amose interés por ela, e non acabe por perderse.

A finalidade desta carta aberta non é outra que pedirlle aos músicos e músicas do noso país, que aproveiten a ocasión que ir a Portugal nos brinda para, desde alí, mostrar quen somos e como somos.

Non importan as ideoloxías políticas, importa a cultura do país.