O Festival de Eurovisión é un dos maiores acontecementos que poden suceder no vello continente europeo, tamén na Galiza. Quizais a envexa ou a ideoloxía fagan que certos medios, que se atopan en decadencia, se vexan obrigados a sacar titulares cos que atraer a lectores, mais sen dicir nada en absoluto.

Como máis dun xa podería adiviñar, falo da nova publicada polo diario galego La Voz de Galicia onte sábado no que se dicía que o erasmus portugués [Salvador Sobral] vai en camiño de gana-lo Eurovisión. Bon titular, poderiamos pensar; pero claro, A Voz non ía deixar iso tan soso e apagado.

Cun gran toque de xenialidade no arte da desinformación, meteulle un ‘e que se atiborraba de alucinóxenos’.

Pregúntolles eu, redactores e redactoras da Voz, iso é o que a vostedes lles ensinaron na facultade? Un titular así espérase dunha web paródica, dunha revista humorística… mais nunca dun dos diarios máis comprados e lidos en Galiza.

O interior da nova é normal, nin trata de desacreditar a Salvador como posíbel gañador nin tampouco pon a Manel Navarro entre flores. Dicía o que había: como ían as apostas, os ensaios, cales eran os favoritos…  Até que os meus ollos se atoparon coa parte máis roñosa que había.

Falaban da súa xuventude coma se fora un auténtico delincuente: que si tomaba setas alucinóxenas, marihuana… E eu vólvolles a preguntar, inflúe iso na carreira artística de Salvador Sobral ou en que fora un dos favoritos para gañar Eurovisión 2017? Se queren falar da súa vida, fágano, pero fágano de todo, non só de cando Salvador era un adolescente.

Obviamente, A Voz tivo que cambiar tan desafortunado titular.

Xa que non teñen o máis mínimo interes en escribir na língua de Galiza, teñan a mínima intelixencia e decencia como para facer periodismo de calidade.Onte foron de todo, agás a voz de Galicia.